Festa da pandeira 2010

Moitas veces aparece nos medios de comunicación a necesidade de preserva-la vida do lince ibérico, da aguia real, da balea azul. Importante é, en efecto, para a especie humana conserva-la biodiversidade e esa idea debe levarnos a conservar tamén os diferentes apartados da nosa cultura, unha cultura minoritaria condenada igualmente a desaparecer.


Ante o deterioro desta nosa cultura moitas veces nos preguntamos polo que podemos facer nós. A resposta é sinxela: debemos adoptar unha postura activa, cada un segundo ás súas posibilidades pero sempre evitando caer na resignación de que ten que ser así, que a fala dos vellos acábase, que se perden as cántigas, o baile solto, as comidas de antes, o xeito de paredar. Sempre se pode facer algo.

Non se pode dicir que cinco FESTAS DA PANDEIRA son un éxito pero si un bon número para que a xente que participa, que colabora, que acude cada ano, sinta alegría de ver como se vai mantendo viva, ensalzada, unha tradición musical que parecía perdida hai dez anos, cando decidimos crear un grupo musical en Piornedo ó redor da pandeira.


A contribución de Inés Rodríguez, da casa de Naipes de Donís, foi transmitirnos o que sabe sobre a pandeira, os cantos e toda a tradición que a rodea. Unha contribución moi valiosa porque dá sentido e riqueza ó traballo musical que realizamos.

Hoxe Inés xa non resulta desconocida para moita xente, que a ten visto na televisión ou contemplado en directo nalgunha das ediciois da Festa da pandeira pero, para unha maior información, diremos que naceu na casa do Sesto de Piornedo e que xunto con Cecilia e algunha outra amiga do lugar viviu as últimas ocasiois nas que a pandeira se tocou aquí.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio