Festa da pandeira 2011

O arraigo que ten a tradición da pandeira na rexión montañosa astur-galaico-leonesa fai que o labor de recolleita sexa algo moi gratificante. Por moitos lugares que teñamos visitado, por moita xente que teñamos entrevistado sempre aparecen cousas novas porque forma parte da cultura local dende moito tempo atrás.


A emigración intensa que sufríu esta zona fai que moitos informantes se atopen lonxe, especialmente en Barcelona e varias cidades de Francia. Por esa razón moitas veces, de xeito casual, aparecen referencias de novas mulleres tocadoras que nos traen aire fresco, tocadoras coas que esperamos contar nun futuro.

A tocadora homenaxeada este ano na FESTA DA PANDEIRA é Laura Osorio Abella, nacida en Bustarga en 1.928, casada en San Martín de Moreda e residente en Ponferrada. Como é habitual, Laura aprendeu tocar sendo moza das súas irmás máis vellas que tocaban moi ben. En Bustarga o baile facíase tódolos domingos e viñan mozos de varios lugares como Villarbón. Recorda Laura con especial emoción o baile que se se facía o día da Festa, o 13 de xuño, San Antonio, pola cantidade de xente que se xuntaba.


Indicativo é que Laura non recorda que viñeran tocar ó baile gaiteiros ou calquera outro tipo de músico, era sempre con pandeira, o que quere dicir que úa muller ou varias cantaban ó son da pandeira mentres os bailadores realizaban os seus pasos. A mesma imaxe que temos visto representada con moita frecuencia en pinturas, frescos, relieves procedentes da Europa medieval, da vella Roma, cando non de culturas moito máis antigas e distantes.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio