Con certa frecuencia localízanse nos diferentes lugares da xeografía rural, persoas especialmente dotadas para a música. Son tocadoras, cantadores, homes e mulleres anónimos, sen preparación específica que non só interpretan aquelas melodías que oíron dende nenos senón que, ademais, saben aportarlles un algo de xenialidade. Tal é o caso de Bernardino, apreciado polas súas cualidades musicais en toda a parroquia de Donís e rodeada.
Bernardino Martínez López, nacido no ano 29 na casa do Pereiro de Vilarello de Donís, é un home alegre e agradable que ten a afición de cantar. As veces faino acompañándose co tambor ou a pandeira, habilidades que aprendeu do seu tío José Ramón e que son propias da zona ancaresa.
Nós temos acudido a el, como tantos outros buscadores de música tradicional, e tivémo-la sorte de recoller toques e melodías marabillosas, observándolle sempre unha disposición moi positiva de colaboración e entrega. Inolvidables son “Ameliña, Amelia” e a “Moliñeira”, ambas gravadas para a discográfica Saga pero tamén outras pezas que quedan en gravadores particulares ou na memoria da xente, como “La Máquina 500” ou “La higuera se secó”.
O éxito da Festa da Pandeira do ano pasado animou a darlle unha continuidade tamén este ano, que queremos adicar a Bernardino. Que sexa posible facela é un motivo de satisfacción para todos, a organización, os colaboradores e o público asistente. Todos contribuímos dalgunha maneira a que, na vida actual, a pandeira teña un pouco máis de presencia.

