1. Presentación

Antes de comezar a camiñar, Isolina preséntanos o proxecto de Descubre Piornedo e as tres asociacións que o puxeron en marcha: Asociación Cultural e de Veciños O Teixeiro, Asociación Teitos de Piornedo e a Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo.

Un patrimonio tan interesante coma o noso, precisa moitos recursos para poder conservarse, disto tamén falaremos neste percorrido.

PRESENTACIÓN

Piornedo é unha pequena aldea montañosa, situada na vertente galega da Serra de Ancares. Ten unhas 19 casas e seguramente unha das cousas que atrae aquí máis visitantes é o seu principal reclamo turístico e cultural: as pallozas.

Piornedo conta cun conxunto único de pallozas, construcións con cuberta de palla, moitas das cales estiveron habitadas polos veciños e veciñas ata a década dos setenta ou oitenta do século XX.

As persoas que vivimos aquí, dámosvos a benvida aos visitantes e queremos ensinarvos o lugar, a historia, as costumes, así como feitos e acontecementos interesantes que forman parte da nosa memoria colectiva, transmitida oralmente de pais a fillos. En concreto dámosvos a benvida a través das tres asociacións nas que estamos agrupados:

  • Asociación Cultural e de Veciños O Teixeiro. Ocúpase de recuperar festas tradicionais, como o entroiro, folclore (a Festa da Pandeira), manter o local social (a escuela)…
  • A asociación Teitos de Piornedo. Aglutina só unha parte dos veciños propietarios de pallozas e preocúpase da conservación dos teitos e da recuperación dos traballos tradicionais de cultivo e preparación da palla.
  • Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo. O monte de Piornedo é un monte privado, denominado de Varas ou Abertal, cun gran valor polo seu excelente estado de conservación e a gran biodiversidade que alberga.

O gran problema que temos aquí é que un patrimonio tan interesante como o noso precisa moitos recursos para conservalo. Pero esto xa cho iremos contando ao longo deste percorrido. Por ahora, explícoche un pouco como funciona esta ruta guiada por audio. Como podes ver no mapa do cartel que dá inicio ao percorrido, levarémoste a dar un paseo por 20 puntos de interese que marcamos no noso pobo. En cada un deles hai un código QR ao que podes apuntar co teu teléfono móbil para escoitar o audio que preparamos nese lugar. 

Os audios compleméntanse coa información que recollemos nesta páxina web, onde podes atopar en cada punto fotografías e outros recursos e ligazóns que teñen relación ca actividade das nosas asociacións e que queremos compartir contigo. 

Nesta web tamén temos un apartado onde explicamos como colaborar no mantemento deste patrimonio que custodiamos aquí na montaña. Se cres que merece a pena conservalo e podes axudarnos, alí explicamos varias formas de facelo.

E como presentación xa vai chegando. Convidámoste a empezar o percorrido, dando uns pasos cara atrás para volver á Fonte do Marelo.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio