12. O Paredazo

Con Sandra asomamos ao Paredazo, onde outro dos bancos de Manolo nos invita a sentar e contemplar a paisaxe. Ante nós, o val de Tralo Sesto esconde muíños e ata unha planta eléctrica, ademais dunha gran biodiversidade.

Tralo Sesto

Chegamos ao Paredazo, onde podes facer unha pausa, sentarte no banco que fixo Manolo e desfrutar da paisaxe mentras continúas a escoitar ás veciñas e veciños de Piornedo. 

A verdade é que dende que se xubilou o noso veciño Manolo de Robledo e decidiu pasar a maior parte do tempo no seu pueblo non deixan de aparecer cousas preciosas que embelecen o lugar e nos fan sentir fachenda. Este é o caso do banco que temos aquí, pero tamén hai carriles, nomes de fontes e de lugares, mesos, caiadas… todos moi ben traballados e sen perder a esencia do tradicional.

Se nos concentramos en observar a paisaxe, o val que vemos aí abaixo é Tralo Sesto. Era un lugar moi frecuentado, sobre todo no inverno porque lle dá moi ben o sol e marcha antes a neve. Para alí sacábanse as cabras e as vacas beber e comer unhas ramallas cando había neve. Hai castiñeiros (por encima da altitude recomendada para eles), hai curtiños, hai varias fontes ás que se ía lavar a roupa (ou as tripas na matanza), tamén era o sitio de xogo da rapazada, saltando de pedra en pedra…

No río hai restos de sete muíños (cada un era de dúas ou tres familias) que xa menciona o Catastro da Ensenada. Estes muíños utilizáronse ata primeiros do século pasado, cando puxeron en Donís unha aceña que peneiraba e da que saía o pan máis refinado.

Tamén, se vos fixades, alí no fondo do val poden verse os restos da planta da luz; unha dinamo con salto de auga que fixeron os veciños no ano 1942. Aquí compartimos as imaxes do documento que asinaron para poñer en marcha o proxecto.

“… con el sólo objeto de tratar de ver si pueden conseguir la construcción de una centralita eléctrica para dar luz a este lugar ya que tan necesitado se encuentra y no habiendo posibilidad de adquirirlo por otro medio si no por el esfuerzo personal y propio de los vecinos…”

Por certo, o sendeiro que hai diante de vós, que vai facendo curvas para ser máis endoado (fácil) é o antigo camiño polo que se ía a Vilarello. Non era moito máis ancho do que é agora, porque hai que dicir que os camiños de carro só chegaban ata onde había fincas do lugar, despois eran sendas de andar ou de cabalos, que era como se viaxaba.

Lamentablemente cando o progreso empezou a traer lixo, utilizouse Tralo Sesto como vertedoiro, démoslle as costas e ata se perderon os sendeiros, pero fai uns anos na Asociación O Teixeiro decidimos recuperar os sendeiros e hoxe pódese facer unha ruta circular sinalizada e moi bonita baixando pola senda dos muíños e subindo polo camín de Vilarello.

Ruta tralo Sesto

Nesta ligazón podes descargar un pdf con información sobre a ruta circular de Tralo Sesto.

Extensión: 2,7 km.
Duración: 1 hora aprox.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio