6. O quintairo das ovellas

Aquí onde pisas, é o Quintairo das Ovellas. O seu nome vén de que neste lugar se xuntaban as ovellas de cada casa para ir pastorealas ao monte nun rebaño común. A veceira, era o turno de pastoreo que se seguía e en Piornedo había tres: a das ovellas, a das cabras e a dos bois.

Manolo de Robleu recorda como era pastorear na montaña e tamén nos fala dos bancos de madeira que fixo e que podedes ver en diferentes puntos deste paseo; por exemplo os que hai debaixo do hórreo ao que agora lle chama “o Parlamento”.

As veceiras

O Quintairo das ovellas, como podes ver, é unha praciña pequena que se encontra entre a casa da Casanova, a casa vella de Poleo (modificada) e a casa vella de Robledo. Como podes ler, nós non lles chamamos pallozas, senón casas vellas. É un nome máis entrañable e agarimoso para as que foron as nosas casas e as das nosas familias ata fai tan pouco tempo.

A esta praza chamámoslle o Quintairo das Ovellas porque nela era onde se xuntaban pola mañá as ovellas da veceira e onde se xebraban pola tarde.

Unha veceira é unha quenda de pastoreo, pero tamén se utilizaba o mesmo orde da veceira para mallar, regar, pasar o libro do celador… En Piornedo había bastante gando e facíanse tres veceiras: a das ovellas, a das cabras e a dos bois.

Veceira das Ovellas

Normalmente, coas ovellas ían as mozas. Tocáballe cada día a dúas casas, por orde e gardaban un día por cada catro reses que botaran ao rabaño común. Pola mañá, cando era hora de sacar as ovellas, xuntábanse as pastoras e ían berrando polas casas : “sacai as ovellas, as ovellas…” e cada un traía as del ao Quintairo. As mozas encargadas ese día, marchaban con elas e coa merenda. Pola noite, cando chegaban volvían vocexar para que cada un viñera recoller as da súa casa. Os donos chamábanas (xebra, xebra...) e marchaban as de cada casa. 

As mozas aproveitaban cando ían coas ovellas para aprender a tocar a pandeira e a bailar o solto. Se non tiñan nada que facer sumábanse ao pastoreo outras mozas ou raparigas e botaban o día con xogos, música… O peor era se viña o lobo ou os días que chovía e facía frío.

Veceira das cabras

As cabras saían todo o ano, porque cando hai neve comen ramallas por encima. Os pastores das cabras eran os rapaces.

Veceira dos bois

Só había veceira dos bois no verán. Botábanse os bois para a braña (na zona alta do monte) e durmíase con eles alí (nunha cabana). Gardabas un día por cada dous bois ou becerros que botaras. Todos querían ir cos bois, porque cando toda a xente andaba recollendo a herba e o pan, os pastores da braña dormían o que querían. 

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio