3. O Teixeiro

Na voz de Lola escoitamos a lenda do teixeiro, baixo o cal parece que enterraron un tesouro os Mouros. Os de Donís, sabíano ben, que viñan cada noite buscalo.

Esta árbore, que pertence ao catálogo de árbores senlleiras de Galicia, ten uns froito que aquí no lugar, nos gusta comer: as meixugas.

Un teixo milenario

Este teixeiro que tes diante tamén é un emblema do noso pobo, por iso dá nome á nosa asociación máis antiga.

Trátase dun taxus baccata milenario. Son árbores de crecemento lento e este ten unhas dimensións considerables tanto de copa como de tronco. Está incluído no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

O teixo (nos chamámoslle teixeiro) é tóxico, todo menos as meixugas, os pequenos froitos vermellos que nacen entre o final do verán e o outono. Nós sempre as comemos pero coa precaución de escupir o grouño (que sabe moi mal). Agora se te ven comelas sempre hai  alguén que che dice que te vas  envelenar.

Tan antigo é o teixeiro que conta con lenda propia: din que hai un tesouro dos mouros agochado nas súas raíces.

Se cadra hai que explicar primeiro quen son os mouros. Os mouros, son unha antiga civilización, máis evolucionada ca nosa, que vive debaixo da terra e que se aparece algunha vez en forma de moza ou mozo (moi apostos) ofrecendo algún tesouro a cambio dun favor. Tamén poden aparecer en forma de animal encantado, de serpe…. Hai lendas de mouros en toda Galicia, León, Asturias… chámaselles tamén encantos… É a nosa mitoloxía, tan esquecida!.

Pois ben, houbo un tempo no que dicían que os de Donís (a aldea do lado) viñan pola noite cavar nas raíces do teixeiro para atopar o tesouro. Pola mañá os do Ancho, que son os donos da finca, tapaban o furado e á noite seguinte, volvía aparecer. Ata que un día deixaron de cavar, non se sabe se atoparon o tesouro, se cansaron de buscalo, ou se levaron medo e abandonaron a busca.

Se tes oportunidade, e estás aquí na época, proba as meixugas (sen mastigar o grouño que teñen dentro). Verás que teñen unha textura moi suave e unha dozura deliciosa.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio