10. A aira do Ancho

José da casa da Rigueira recorda como era vir á aira do Ancho, onde sempre había con quen xogar ou falar. Fainos un repaso polos xogos máis populares entre a rapazada do lugar e explícanos como se botan lutias e como se xoga ao xogo da cocha.

Os xogos

Este é o sitio de encontro de sempre dos nenos e das nenas e de toda a rapazada do lugar, xeración tras xeración.

Se decidías saír á gaiola sabías que neste lugar habías atopar a alguén. Dos xogos e da actividade participaba tamén a xente maior que había pola zona comentando, dirixindo ou provocando.

Algúns xogos que sempre se nos veñen á memoria e mesmo temos xogado hai pouco para non esquecelos son o xogo da cocha, o arríncate nabo, a porriba ou o xogo do lobo.

Tamén se botaban lutias. A lutia consiste en que dúas persoas de complexión parecida se collen polos ombreiros ou polos brazos e empezan a facer forza para tirar ao compañeiro, perde o primeiro que caia. A xente maior animaba aos rapaces a botar lutias e poñíase do lado dun ou doutro segundo fora vendo como avanzaba a cousa. Ninguén se preocupaba de se se mancaban.

Ás veces, tamén ocupabamos o tempo en cousas máis proveitosas, como apañar árnica ou paraza de sangume (sanguiño) que vendiamos para comprar algún paquete de galletas.

Para quen queira profundizar, deixamos as normas do xogo da cocha, escrito na variante dialectal do galego que se fala por aquí. Animadevos a xogar que é moi divertido!

O xogo da cocha

Este era un dos xogos nos que se entretiña a rapazada cando ían de pastores ao monte, ie no pueblo había furados permanentes nos que pasaban tardes enteiras. Namais se xogaba a este xogo no pueblo de Piornedo, nos da arrodaeada non era conocido.

  • 6-7 xogadores
  • Cada xogador debe dispoñer dúa vara ie dun furado no suelo pre meter a vara.
  • Os furados dos xogadores tan colocados nun circulo óredor doutro furado mais grande que é a corte da cocha.
  • A cocha é un carrocho de uz ou úa lata vella que apareza tirada

Normas:

  • Nun se pode toca-la cocha ca mau, namais cos paus.
  • O pastor da cocha vaille dando paus cara a súa corte, no medio do círculo de xogadores ios outros xogadores danlle paus pre fora. O pastor da cocha debe tar atento ós momentos nos que os outros xogadores quitan o pau do seu furado pre meter o del, quedando o outro xogador de pastor da cocha.
  • En caso de empate un dos xogadores (o dono do furado) tira a vara ó aire ie colleal polo medio, despois van agarrando a vara cara arriba os dous xogadores empatados un detras do outro hasta que queda un cacho mui pequeno no que nun cabe úa mau. Entonces o que lle tocaba agarrar colle a vara cas puntas dos dedos ie, sin soltala, ten que darlle sete voltas por encima da cabeza; se non lle cai gana ie queda co furado ie se lle cai perde ie faise cargo da cocha.
  • Se o pastor da cocha consigue metela na súa corte o resto dos xogadores deben facer sete círculos pequenos ca vara encima dos seus furados sen pousala, momento que o da cocha aproveitará pre collerlle o furado a un deles, que se converterá no novo pastor da cocha.
  • Amais de cumprir escrupulosamente as normas durante todo o tempo os xogadores métense constantemente co da cocha dicindolle “re,re,re,re, cocha, cocha…”, io que queda de cocha desde que se deixan de xogar ou o que bota mutio tempo de cocha siguenol acerriquitando con eses remotes durante días.
  • Pódense facer paradas, se o pastor da cocha ten que ausentarse pre ir tornar úa res ou cousa semellante dice “ren pola cocha” ie naide pode modificar o xogo nin tocarlle á cocha hasta que volva. Se quen ten que ausentarse é un xogador dice “ren polo meu furado” ie deita a vara encima del, os outros siguen xogando como se ese furado non existira.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio