9. Os hórreos e palleiros

Carmiña explícanos os diferentes tipos de construcións que veredes polo lugar e ensínavos como diferenciar un palleiro e unha palloza.

Ademais, rétavos a atopar os hórreos e palleiros que hai na aldea.

A arquitectura da montaña

Aquí todas as familias contaban coa casa (a palloza na que vivían, ás que agora lles chamamos as casas vellas), un horro, un palleiro e case sempre un cuarto.

Os horros son construcións de planta cadrada, de madeira e con cuberta de palla. Serven como despensa: neles sálgase e gárdase a carne de porco, o gran, a roupa de saír, o pan cocido e o resto da comida. Están encima de piares para protexer os alimentos almacenados dos ratos e teñen orificios para airear e conservar mellor os alimentos. Os horros ás veces tamén se usaban para durmir, aínda que resultan algo fríos, especialmente no inverno.

Os palleiros dende o exterior non se aprecian moitas diferenzas coas casas. Tamén teñen paredes de pedra e teitos de palla cónicos, pero teñen unhas dimensións algo menores que as das casas e non teñen fumeira nin ventás.

Os palleiros non teñen case distribución interior, ao contrario das casas. Isto é así porque se usaban para gardar a palla e a herba para darlle ao gando no inverno. Só teñen unha ou dúas cortes para meter as cabras e as ovellas (procurábase non meter estes animais na casa porque teñen pulgas e carrachas e non dan calor). Nalgúns palleiros tamén hai algunha bodega para gardar as patacas ou as ferramentas.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio