14. A Palloza Museo

Neste punto colle a palabra Fuco, ceramista e guía da Palloza Museo Casa do Sesto, un museo familiar que conserva a distribución interior da palloza intacta e mostra as ferramentas e utensilios que calquera familia empregaba para facer vida no lugar.

As persoas que nos visitan, non sempre son capaces de imaxinar a vida nas nosas casas vellas desde o punto de vista do momento en que estaban habitadas. Neste audio, Isolina achéganos unha visión máis real de como se vivía aquí e do que supuxo o cambio ás casas novas.

A vida nas pallozas

A Palloza Museo de Piornedo é un pequeno museo familiar que xa leva aberto dende o ano 1989 e no que se pode coñecer a forma de vida nas pallozas.

Foi a vivenda da familia ata 1970 e conserva a distribución orixinal que tiñan todas as casas, así como unha exposición das ferramentas tradicionais utilizadas pola xente da zona.

As pallozas son construcións circulares de pedra, cunha cuberta cónica, feita de palla de centeo. Teñen orixes prerromanas (similares ás dos castros). Adáptanse ás necesidades dos habitantes e ao medio dunha forma totalmente harmónica, manteñen unha temperatura interior constante (entre 15º e 18º), grazas á capa de medio metro de palla de centeo que recubre o seu teito. Esta cuberta natural é impermeable e tamén illante. Por dentro, as pallozas están distribuídas en función das necesidades da familia. Para construílas empregábanse os materiais propios da zona.

Neste museo non hai unha recompilación de pezas, senón que os obxectos e ferramentas que se expoñen formaron parte da vida cotiá da casa. Estas eran as que garantían a autosuficiencia da familia e máis ou menos as mesmas tíñanas en todas as casas do lugar.

Na palloza museo tamén podes atopar artesanía en cerámica (Cerámica Trisquel) e organizanse rutas guiadas polas antigas sendas dos pastores os domingos. Podes atopar máis información e fotos na páxina Piornedo ANDA – Facebook.

Sempre nos pregunta a xente que nos visita sobre como era a vida nas pallozas e sorpréndense porque pensan que eran frías, inhóspitas, suxas… Evidentemente hai que ver as cousas no contexto temporal e ter en conta que a vida cambiou en corenta  anos máis que en varios séculos de épocas anteriores.

Esa visión tan etnocéntrica despreza as cousas positivas das sociedades tradicionais (sociabilidade, colaboración, comunidade, integración de todas as persoas, igualdade…) e ensalza algúns beneficios da nosa sociedade actual acadados grazas á tecnoloxía como algo irrenunciable, sen ter en conta que tamén teñen sombras (individualismo, desigualdade extrema…).

A maior parte da veciñanza do lugar de máis de 50 anos vivimos de novos nas pallozas e temos bo recordo desa etapa. As lembranzas transmítennos calor de fogar, veladas compartidas, xogos coléctivos (A cocha, O lobo…) e tamén traballos, porque todas as persoas da casa traballabamos. Cada un traballaba na medida das súas posibilidades e os nenos non estabamos explotados por iso.

Algúns de nós trasladámonos a casas de lousa cara aos anos 70, cando veu a carretera, porque viña moita xente curiosear a nosa forma de vida e incluso saíu na prensa. As novas casas que se construíron naquelas datas (sen illamento, sen calefacción e sen baño) eran moi frías no inverno, ao contrario que as pallozas,  pero cumprían a función de aparentar unha mellora na forma de vida. Cando empezaron as mudanzas das casas vellas ás novas, aínda tardaron uns poucos anos en vir os cuartos de baño e moitos anos máis en chegar as calefaccións.

Máis Información

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio