15. O Quintairo das Cabras

No Quintairo das Cabras está a Cantina Mustallar, o noso lugar de encontro e tamén o dos visitantes. Mari Carmen fálanos doutra cantina que había no lugar, a de José María do Coxo, un veciño emprendedor e comerciante que acollía a todo o mundo na súa casa.

José María do Coxo

Fixemos unha parada antes no Quintairo das Ovellas, e agora imos facer o propio no Quintairo das Cabras. Os rapaces máis novos eran os que ían pastorear as cabras, porque hai que andar ben para seguirlles o paso.

No Quintairo das Cabras está a cantina, que sempre é o lugar de encontro dos veciños e dos visitantes.

Un pouco máis arriba está a casa do Coxo que tamén foi cantina ata os anos 80. José María, que era o dono (ten unha placa dedicada na fachada da casa), era moi intelixente e emprendedor, tamén era unha excelente persoa. Na cantina de José María podíase comer e beber, pero tamén comprar zapatos, medicamentos, lanternas e todo o que a xente podía necesitar. Tamén comerciaba con produtos que se recollían na zona; compráballe á xente xanzá, paraza de acevo e de sanguiño, árnica, papeira, flor de boito e outras herbas para facer menciñas e víñanllo recoller aquí.

Foi unha persoa moi coñecida e moi querido polos primeiros montañeiros e turistas que viñeron polo lugar. A súa casa era a casa de todos.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio