20. A capela

Na capela acaba este paseo polo lugar. Sofía do Ancho é fálanos sobre esta pequena capela na honra de San Lourenzo e desafíanos a atopar unha grella nela. Tamén nos recorda os bailes que se facían diante da nosa igrexa parroquial, en Donís, e que tanto daban que falar.

No nome das veciñas e veciños, agradecemos o teu interese en coñecer un pouco máis sobre nós e sobre o lugar no que vivimos.

A parroquia

Piornedo pertence á Parroquia de Donís, son trece aldeas e en cada unha hai unha pequena capela construída polos veciños, segundo nos contaron.

Agora estás na capela de Piornedo, unha pequena ermita dedicada a San Lourenzo. Ten planta rectangular, mide 10,70 x 5,40 metros e os muros son de cantaría rematados nunha cornixa de bardas. A súa cuberta é de lousa soportada por unha armazón de madeira.

A porta de acceso, en forma de arco de medio punto, sitúase no medio da fachada e ten un pequeno campanario cun só oco coroado por unha cruz de cantería. No muro da súa esquerda hai dúas pequenas xanelas rectangulares para dar un pouco de luz ao interior.

Diante da capela temos máis bancos feitos por Manolo de Robledo coa colaboración de varios veciños e tamén unha pedra con placas colocadas para celebrar a colaboración e amizade que se creou entre os veciños do lugar e os primeiros grupos de montañeiros que empezaron a vir por aquí nos anos 50 e 60 (maioritariamente de Vigo e nomeadamente Montañeros Celtas e Club Peña Trevinca).

Un pouco mais abaixo colocaron fai pouco o orgulloso urogalo donado tamén por TOTE e do que xa falamos. Estamos orgullosos do noso pobo pero tamén dos nosos amigos!

A igrexa parroquial e o cemiterio témolo no lugar de Donís. É un gran edificio románico que foi restaurado recentemente, é moi interesante e contén frescos do século XVI. No campo de diante da igrexa había feira mensual (desapareceu na década dos 70). Era unha feira pequena porque levaban pouco gando (algunha becerra para aparexar) pero era moi concorrida xa que ían todos os veciños e veciñas da parroquia andando en grupos e botaban o día alí. Había varios chigres e os mozos pagaban un gaiteiro a escote para facer o baile pola noite. Cando remataba o baile, volvía a mocidade de cada aldea andando xuntos, ás veces había liortas e sempre daban moito que falar na parroquia.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio