19. O Viso

Desde este punto pódese ver perfectamente os restos que deixou na paisaxe o glaciar de Piornedo. Seguro que coa axuda das explicacións de Celtia os podedes ir identificando.

Recomendámosvos sentar nun destes bancos de Manolo de Robledo e desfrutar das vistas!

O glaciar

Chegamos ao Viso e aquí temos outro precioso banco dos de Manolo de Robledo. Está no sitio perfecto para ver o discorrer do glaciar de Piornedo en toda a súa extensión.

Fai preto de 30.000 anos este val estaba cuberto de xeo dende a base do Mustallar (os lagos da Braña, concretamente) ata a Ponte de Bous (na estrada que vén dende Campa da Braña a Donís). Son uns 6 km de lonxitude e no momento de máximo empuxe tiña uns 150 metros de grosor. Pódese ver perfectamente o val en forma de U e os arcos de sedimentación cerca do remate, pero tamén se conservan zonas de til subglaciar, aristas glaciares…

O glaciar ía facendo curvas, a máis pronunciada está entre o camiño de Agulleiro e os Muíños. Isto fixo que os sedimentos que arrastraba desbordasen e conformaran a paisaxe de Piornedo, con grandes bolos graníticos e unha zona de terra fértil na que se localiza a aldea.

Ademais do glaciar, hai outras manifestacións xeolóxicas que cómpre salientar.

máis información

  • Fran Canosa organizou en Piornedo o Xeolodía no ano 2022. O Xeolodía é unha festa de divulgación da xeoloxía na que se fan saídas á montaña e excursións xeolóxicas guiadas por xeólog@s. Cada ano organízase un Xeolodía por cada provincia, a primeira ou segunda fin de semana de maio. En maio de 2022, este evento tivo lugar en Piornedo, dando a coñecer o importante patrimonio xeolóxico da zona. Nesta ligazón deixamos un pdf coa información e rutas do Xeolodía 2022 en Piornedo.
  • Na actualidade estamos traballando nun documento informativo e divulgativo sobre a xeoloxía dos picos dos Ancares. Esperamos poder difundilo pronto por aquí.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio