13. A pedra plana

Na pedra plana, un dos sitios onde se xunta a rapazada, Carla fálanos sobre o monte de Piornedo e o mandado que recibimos dos nosos antepasados: coidalo e protexelo.

O monte de Piornedo

A ver… realmente “a pedra plana” non é o nome orixinal desta pena, así é como lle empezaron a chamar as rapazas e os rapaces porque é un bo sitio para coller cobertura de móbil e acostuman xuntarse nela. Non nos poñemos de acordo no nome que ten de vello: Pepe de Chis di que é a Pedra do Viso, outros o Penedo de Tralo Sesto e un cura que houbo no lugar, Don Liborio, bautizouna como “o mirador”.

Na parte de abaixo vedes o panel de inicio da Ruta de Tralo Sesto da que falamos no punto anterior. É unha ruta curta, uns 2 km pero non é moi doada porque ten moita pendente e hai que ir polo medio das pedras. Pero merece a pena. Algunhas veces está algo chea de monte porque é un val cálido, así que medra a maleza e hai que rozar dúas veces ó ano.

Estamos no sitio ideal para falar do monte, desde este sitio vese boa parte do monte de Piornedo e as vistas neste punto nunca deixan indiferente.

O monte de Piornedo é un monte de Varas ou Abertal, propiedade dos veciños, con documento de propiedade pero de uso común; aínda que algúns aproveitamentos se poidan restrinxir en función da participación que ten cada un (as searas, medíanse en varas e a cada un correspondíanlle tantas varas como parte tiña no monte).

Son unhas 900 hectáreas de bosque autóctono, humidais, alta montaña, piornal… un paraíso de biodiversidade nun estado de conservación excepcional.

No seu día o monte era o que garantía a supervivencia dos veciños: utilizábase para pastos, para sacar a madeira coa que se construían as casas, tamén a leña; sementábanse searas e searos estacionais, recollíanse abelás, castañas, landas, arandos, plantas medicinais… Debido á importancia que tiña para os veciños houbo varios preitos pola defensa do monte, o máis importante chegou á Chancillería de Valladolid onde se ditou en 1799 a Carta Executoria sobre aproveitamentos de pastos e leñas mortas nos lindes dos montes de Piornedo e Suarbol.

Hoxe, debido ás declaracións de conservación que lle afectan, o único que podemos facer co monte é pasear por el e presumir.

A Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo ten claro cal é o seu cometido, porque así nolo transmitiron os nosos maiores: conservar e protexer o monte… e niso andamos.

Se camiñades polo monte poderedes ver algúns dos traballos que estamos a realizar: limpeza e restauración de campas, mantemento de sendeiros… o monte medra rápido e estráganos os traballos porque case non hai gando, pero nós somos perseverantes.

O monte de Piornedo está moi ligado á actividade da xente da aldea. O seu aproveitamento foi mudando segundo as necesidades dos veciños nas distintas épocas, así ata hai poucos anos o monte era intensamente pastoreado en réxime de “beceira” e había zonas destinadas ao cultivo do cereal (Searas) que proporcionaban o gran para o pan e a palla para o teitado das pallozas. Actualmente o uso agrogandeiro decaeu e a penas hai unhas poucas vacas no monte. O mantemento de certos hábitats herbáceos como as campas ou de certos matos, hoxe en día, depende do mantemento dun mínimo de actividade humana. Estes hábitats son imprescindibles para especies como a charrela ou a lebre de piornal.

Podes atopar moita máis información sobre o Monte de Piornedo nesta sección da nosa web.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio